Herdei os nomes


 

Xa non sei atopar a Senra,
a Zarra,
o Horto do Lavadoiro,
nin tantas outras terras
que traballaron os meus.

Máis aínda coñezo o vieiro
que leva á Casa de Pía:
sei cal era o cuarto do tío Manuel;
xoguei no Soto,
camiñei na Cortiña.

Os meus dedos tocaron as augas do Regueiro,
as augas que un dia regaron o Horto de Arriba e o de Abaixo,
e tamén o Horto do Corredoiro;
augas que veñen do monte chamado o Castelo,
no que un día atoparon, din, antigas monedas de ouro.

Coñezo o camiño de Paredes a Sá,
e máis alí a Friolfe.
Daquel camiño, se pecho os ollos, 
aínda vexo a Casa de Vázquez, a Casa de Arriba,
a Casa de Silva, a Casa de Prochupaz.

E a carballeira na que hai a mina da auga
da Casa de Pía.

Chega unha volta
que xa non sabes qué é o que che ata
a esa terra lonxana.
Pasou o vento, e as ligazón todas
rompéronse en silencio, unha tras outra.
Máis, se asi fora,
por qué eu aínda non podo olvidar a miña, sí, a miña aldea?

Ao mellor, porque teño os recordos.
Ao mellor, aínda máis, porque herdei os nomes.
Sí, eu son o derradeiro fillo dunha memoria familiar que se perde.
E non podo facer como se non.

Sí, herdei os nomes.
Os nomes de meu.

 

Imaxe: A Casa de Pia no ano 2004 (Paredes de Abaixo, Concello do Páramo)


Comentaris